|
O
concello de Rairiz de Veiga condenado a pagar máis
de 13.000 euros por violación da integridade moral
dun traballador
Xornal Galicia | Miércoles, 02 Julio, 2008 - 10:43
O concello de Rairiz de Veiga foi condenado a pagar unha indemnización
de máis de 13.000 euros por violación da integridade
moral dun traballador municipal, segundo denuncia a CIG de
Verín, por mor do comportamento do seu alcalde, Xosé
Xaquín Rodríguez Ambrosio. Os feitos remóntanse
ao ano 2006, cando o traballador se incorporou ao concello
de Rairiz tras da disolución da Mancomunidade, onde
desenvolvía a súa actividade.
Para a CIG de Verín as actuacións do alcalde
do concello de Rairiz de Veiga, Xosé Xaquín
Rodríguez Ambrosio son, alén de impresentábeis
e ilícitas, dun absoluto desprezo cara
os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras do
concello, en xeral, e dos dereitos fundamentais da persoas,
en particular.
Segundo
explican, xa ao remate da folga dos traballadores da Mancomunidade
da Limia, en novembro de 2005, o alcalde deste concello ourensán
anunciou aos operarios que tiñan secundado aquela medida
de presión que serían despedidos no momento
no que ingresasen nos concellos concesionarios da Mancomunidade.
Anxo
García, secretario de Organización da Unión
Local da CIG de Verín, lembra que mesmo durante a folga,
este alcalde xa non se caracterizara precisamente, polo
seu ánimo dialogante, procurando, en todo momento,
o enfrontamento cos traballadores folguistas para que cederan
nos seus dereitos.
Porén,
cando o traballador procedente da Mancomunidade, Manuel Pérez
Gómez, foi adxudicado ao concello de Rairiz de Veiga
e tras da súa incorporación, en xuño
de 2006, comezou o seu calvario laboral, perfectamente
deseñado e planificado pola institución municipal
e o seu alcalde, dirixido a hostigar e acabar coa resistencia
psicolóxica do operario, co obxecto de obrigalo, probabelmente,
a abandonar voluntariamente o traballo, sinala Anxo
García.
Esta
situación de acoso laboral queda constatada na sentenza
do Xulgado do Social nº 1 de Ourense (autos 163/08) no
seu feito probado terceiro inclúese o pdf ao
pé- onde se recolle a secuencia de feitos emprendidos
polo concello de Rairiz e o seu alcalde.
16/02/07
( Autos 118/07) Xulgado Social nº 2, condénase
ao Concello a pagar ao traballador a cantidade de: 2679,60
euros, por débedas salariais.
9/05/07 (Autos 310/07) Xulgado Social nº 3, condénase
ao Concello a pagar ao traballador a cantidade de: 2009,70
euros, por débedas salariais.
14/11/07 (autos 754/07) Xulgado Social nº 3, condénase
ao Concello a pagar ao traballador a cantidade de: 5466,40
euros, por débedas salariais.
24/10/07 (autos 702/07) Xulgado Social nº 3, condénase
ao Concello a pagar ao traballador a cantidade de: 2757,54
euros, por impagamento das prestacións de incapacidade
temporal.
20/12/06 (autos 908/06) Xulgado Social nº 2, condénase
ao Concello a pagar ao traballador a cantidade de: 16.661,34
euros, por débedas salariais.Ademais de 4 ou cinco
procesos mais, relativos á negativa do Concello a conceder
ao operario as súas vacacións e asuntos propios.
Por este encadeamento de feitos o Xulgado do Social nº
1 e a Inspección de Traballo de Ourense condenaron
e sancionaron ao concello de Rairiz de Veiga ao pagamento
de 3.000 e 10.000 euros, respectivamente, por vulneración
do dereito fundamental de toda persoa á integridade
moral.
De
feito, no auto 163/08 do Xulgado do Social nº 1 de Ourense
recóllese textualmente ...sen que mala a sanción
imposta pola Inspección de Traballo ao concello (10.000
euros) se observe que exista recapacitación algunha
por parte do concello, e polo tanto, a medida adoptada non
pode verse pola súa contumacia máis que como
un acto tendente a causar dano psicolóxico ao traballador,
que estivo de baixa desde o 3 de abril de 2007 ao 7 de xaneiro
de 2008, por padecer trastorno de ansiedade con somatización
en relación á situación laboral..
Diante
desta situación a CIG de Verín alén de
denunciar publica e politicamente a actuación do alcalde
de Rairiz de Veiga exixe que se adopten medidas para obrigalo
a presentar a súa dimisión, por levar
á institución a unha situación insostíbel
e por permitir e participar na violación dos dereitos
fundamentais das persoas.
O
secretario de Organización da CIG de Verín adianta
ademais que continuará cos procesos xudiciais emprendidos
e que se está a estudiar a posibilidade de emprender
accións penais contra o alcalde, por entender que os
seus actos poderían ser constitutivos dun delicto de
prevaricación e de violación dos
dereitos fundamentais.
http://xornalgalicia.com/index.php?name=News&file=article&sid=33346
|